Vostede está aquí

Declaracións obrigatorias do sector lácteo

Introdución

Sistema de declaracións do sector lácteo

Rexistro de primeiros compradores

Obrigas dos primeiros compradores e réxime sancionador

Obrigas dos produtores que fagan venda directa de leite e/ou produtos lácteos


Introdución
O Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios establece a obrigatoriedade, para os primeiros compradores de leite, de declarar mensualmente ante a autoridade competente, a cantidade de leite cru que lles fose entregada polos produtores o mes anterior.

Sistema de declaracións do sector lácteo
O sistema de declaracións mensuais, ligado á obrigatoriedade dos contratos entre os primeiros compradores e os produtores no sector lácteo permite dotar dunha maior transparencia ao sector, dispoñer de información acerca da evolución do mercado, realizar análise do sector en curto espazo de tempo así como servir de apoio para a xestión e control das axudas directas aos agricultores no marco da política agrícola común.
Así mesmo para garantir que todo o leite producido polos gandeiros é declarado, establécense tamén as declaracións obrigatorias anuais para os gandeiros que comercializan leite ou produtos lácteos directamente ao consumidor (venda directa).
A nivel español a normativa que regula as declaracións obrigatorias a efectuar polos primeiros compradores e produtores de leite e produtos lácteos de vaca, ovella e cabra que fagan venda directa vén regulada no Real decreto 319/2015, do 24 de abril (BOE nº99, 25/4/2015)

Mediante este Real decreto creouse un sistema unificado de información no sector lácteo (INFOLAC), que inclúe:
a) O rexistro de todos os primeiros compradores que operan no sector lácteo en España.
b) A información de todos os contratos entre os primeiros compradores e produtores no sector lácteo de conformidade co Real decreto 1363/2012, do 28 de setembro, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se establecen as súas condicións de contratación.
c) A información das declaracións obrigatorias de leite.

Accédese ao sistema dende o seguinte enlace:
https://www.fega.es/caccesos/cac_inicio.inicio?p_Apliportal=LacDec

O primeiro comprador, ou o produtor en caso de que realice venda directa, son responsables do mantemento debidamente actualizado dos datos contidos no sistema, e da súa veracidade e exactitude.
O réxime sancionador en materia de declaracións obrigatorias no sector lácteo figura na disposición adicional sétima da Lei de Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas de ámbito territorial supraautonómico (BOE nº114, 13/5/2015).

Rexistro de primeiros compradores
Todos os primeiros compradores de leite de vaca, ovella e cabra deberán estar inscritos no rexistro de compradores establecido para o efecto e que formará parte do sistema de información. A inscrición realizarase pola autoridade competente da comunidade autónoma na que estea situada a sede da efectiva dirección do comprador.
No caso de Galicia, a inscrición realizarase mediante a remisión á Dirección do Fogga da solicitude de inscrición no rexistro antes do inicio da actividade, que conterá como mínimo os datos incluídos o anexo I do Real decreto 319/2015.
Á solicitude de inscrición acompañarase a documentación que figura nese anexo.
A autoridade competente remitirá ao comprador, unha vez inscrito, as claves de acceso ao sistema de información para a presentación das declaracións mensuais obrigatorias de entregas de leite e o rexistro de contratos.
Todos aqueles primeiros compradores de leite de vaca, ovella e cabra que xa estivesen inscritos como tales operadores polo Fogga a 31 de marzo de 2015 quedarán automaticamente incorporados ao novo rexistro de compradores. Os primeiros compradores que inicien a súa actividade con posterioridade ao 31 de marzo de 2015 deberán darse de alta neste rexistro de compradores; para iso solicitarán a inscrición de acordo co previsto anteriormente.
Calquera modificación nos datos subministrados para a inscrición no rexistro deberán ser comunicados á autoridade competente no prazo máximo dos de quince días seguintes tras a súa modificación.
O primeiro comprador xa inscrito que cese na actividade deberá instar a baixa no rexistro. Así mesmo esta poderá practicarse de oficio, logo de notificación ao interesado, por inactividade ao longo dun ano natural.

Obrigas dos primeiros compradores
1. Todos os primeiros compradores de leite cru de vaca, ovella e cabra deberán presentar, nos primeiros vinte días do mes, a declaración, mediante os procedementos informáticos establecidos para o efecto, onde se contabilicen todas as cantidades de leite cru subministrado polos produtores no mes inmediatamente anterior, mesmo no suposto de non ter realizado entregas en cuxo caso, a cantidade reflectida será «0».
2. A devandita declaración conterá, polo menos, a información establecida nos anexos II, III e IV do Real decreto 319/2015.
3. Todas as entregas de leite deberán estar vinculadas a un contrato, rexistrado de conformidade ao establecido no artigo 5 do Real decreto 319/2015, debendo facer constar na declaración o código identificativo do contrato ao que se fai referencia no artigo 5.5.

Obrigas dos produtores que fagan venda directa de leite e/ou produtos lácteos
Os produtores que destinen directamente ao consumidor toda ou parte da súa produción ou elaboren produtos lácteos de vaca, ovella ou cabra na explotación (venda directa), están obrigados a incorporar nos primeiros vinte días do mes de xaneiro do ano seguinte, unha declaración anual por cada unha das especies, se é o caso, mediante os procedementos informáticos establecidos para o efecto ou por algún dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, ou mediante os procedementos que a que a tal fin sexan establecidos polo órgano competente, onde se contabilizarán as cantidades de leite producidas na explotación no ano natural inmediatamente anterior que se destinasen á venda directa. A devandita declaración conterá, polo menos, a información establecida no anexo V do Real decreto 319/2015.

Os primeiros compradores e produtores deberán conservar todos os documentos xustificativos das entregas correspondentes a un ano natural durante, polo menos, dous anos contados a partir do final do ano ao que correspondan. Esta documentación estará a disposición da autoridade competente, e deberá remitirse a esta cando esta o solicite co fin de comprobar a veracidade da información contida no sistema.