Vostede está aquí

PAC 2015-2020

Dende a súa posta en marcha en 1962, a PAC estivo sometida a continuas revisións para a súa mellora e adaptación aos profundos cambios sociais dos últimos anos. A última revisión, definida nun informe da Comisión Europea publicado no ano 2010 e denominado Horizonte 2020, púxose en marcha, tras tres anos de discusións e a súa aprobación polo Parlamento Europeo, a finais do ano 2013. O 20 de decembro de 2013 publicáronse varios Regulamentos que se consideran a normativa básica aplicable para o período comprendido entre 2014 e 2020.

As primeiras axudas da PAC baseábanse en apoios ligados ao feito de producir, manter cabezas de gando ou hectáreas de superficies, namentres a nova PAC está máis orientada ao respecto ao  medio ambiente, polo que non é necesario ter unha produción concreta para percibir as axudas, aínda que si dispoñer de superficies para xustificar os pagamentos, e que estas estean en perfecto estado.

Esta orientación ven como resposta aos novos retos aos que se enfronta o sector:

  • Económicos: Seguridade alimentaria e globalización, volatilidade dos prezos, presións sobre os custos de produción debido aos altos prezos das materias primas e o deterioro da posición dos agricultores na cadea alimentaria.
  • Ambientais: relacionados cun uso eficiente dos recursos, mantemento da calidade ambiental do solo e das augas e as ameazas aos hábitats e á biodiversidade.
  • Territoriais: No que as áreas rurais afróntanse ao seu deterioro demográfico, económico e social incluíndo o despoboamento e a deslocalización das empresas.

Mantense a estrutura da PAC en dous piares e con vistas a promover a eficiencia dos recursos e mellorar a distribución das axudas realízanse unha serie de cambios (puntos destacados).

Obxectivos a longo prazo da PAC
Fronte aos anteriores retos e buscando a coherencia con outras políticas da UE, a nova PAC busca tres obxectivos a longo prazo:

  • Unha produción de alimentos viable.
  • Xestión sustentable dos recursos naturais e do clima.
  • Un desenvolvemento do territorio equilibrado.

Obxectivos operacionais
Para acadar os obxectivos a longo prazo da PAC, a reforma actual desenvolveuse na procura dos seguintes obxectivos operacionais:

  • Utilización de instrumentos más efectivos
  • Mellora da competitividade do sector agrícola
  • Sustentabilidade do sector a longo prazo

Financiamento necesario para o logro dos obxectivos
Lograr estes obxectivos require ofrecer aos agricultores, industriais e operadores comerciais europeos as compensacións económicas precisas para que orienten os seus recursos e esforzos a eses propósitos; compensacións que teñen que estar en proporción á importancia do servizo que prestan á sociedade europea: a garantía de abastecemento alimentario, en cantidade e calidade, imprescindible para a cohesión social das sociedades que a integran e para a saúde individual de todos os cidadáns.

No seu conxunto, o financiamento da PAC oscila entre 55.000 e 60.000 millóns de euros ao ano; cantidade que está descendendo en relación ao PIB comunitario (0,54% do PIB comunitario a principio dos 90; 0,43%, en 2004 e o 0,33%en 2013)

A nivel individual o custo da PAC supón que cada cidadán europeo contribúe ao seu financiamento con 2 euros á semana; aproximadamente o custo dun quilo de mazás.

Se se ten en conta que grazas a ese custo se garante unha subministración de alimentos sans e a vitalidade do medio rural, non se pode concluír que a PAC sexa cara.

O orzamento comunitario para o período de financiación 2014-2020, é de 362.787 millóns de euros (a prezos constantes de 2011) dos que 277.851 destínanse a Pagamentos Directos e medidas de mercado do Primeiro Piar, e 84.936 millóns destínanse ao Desenvolvemento Rural financiado polo Segundo Piar.

Os fondos europeos agrícolas e o seu destino
As últimas reformas supuxeron un cambio radical na forma do gasto, de modo que se destinan menos fondos para subvencionar a exportación ou intervir nos mercados e máis para as axudas directas aos produtores e para o desenvolvemento rural.

A financiación destes gastos lévase a cabo a través dos Fondos Europeos Agrícolas:

  • Fondo Europeo Agrícola de Garantía (FEGA) e
  • Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER)

Con independencia dos gastos que efectúe a Comisión de modo centralizado, con cargo ao FEAGA, este Fondo financia, en réxime de xestión compartida entre os Estados Membros e a Comunidade, os gastos efectuados de conformidade co dereito comunitario, da seguinte natureza:

  • Os pagamentos directos ás explotacións agrarias
  • A intervención nos mercados de produtos agrarios
  • As restitucións á exportación
  • As medidas de promoción de produtos agrarios no mercado interior e en países terceiros.

Pola súa banda o FEADER financia, en réxime de xestión compartida entre os Estados Membros e a Comunidade, a contribución financeira da Comunidade a favor dos Programas de Desenvolvemento Rural, realizados de conformidade coa lexislación comunitaria.

Consultas e preguntas sobre a Reforma da PAC
Documentos publicados polo FEGA