Observatorio do sector lácteo de Galicia

Que é o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia?

O Observatorio do Sector Lácteo de Galicia é un órgano colexiado de asesoramento, consulta e análise do sector lácteo.

Está adscrito á consellería competente en materia agraria e desenvolvemento rural, a través da dirección xeral competente en materia de control da cadea alimentaria. Así mesmo, ten a súa sede nas dependencias desa consellería.

Funcións

O Observatorio do Sector Lácteo de Galicia ten as seguintes funcións:

a) Analizar a situación e evolución do sector lácteo, tendo en consideración os datos técnicos e económicos facilitados pola Administración autonómica ou outras fontes do sector, como os prezos percibidos polas persoas produtoras, a xestión económica das explotacións, os datos estatísticos con perspectiva de xénero ou a oferta e demanda dos produtos lácteos no mercado, así como o estudo da cadea de valor e das relacións comerciais e contractuais entre os distintos elos da cadea alimentaria.

b) Elaborar informes como resultado das análises anteriores.

c) Difundir os resultados dos seus informes.

d) Facer o seguimento do cumprimento das medidas da Estratexia de dinamización do sector lácteo 2020-2025 ou plan que o substitúa, así como revisar, perfeccionar e actualizar o dito plan, en consonancia coa evolución do sector.

e) Asesorar a consellería competente en materia agraria e desenvolvemento rural no relativo ao sector lácteo.

f) Impulsar a aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes con carácter transversal, e remitir ao órgano competente en materia de igualdade o resultado das análises de impacto de xénero feitas polo Observatorio.

g) Calquera outra función relacionada co sector lácteo que lle encargue a persoa titular da consellería competente en materia agraria e desenvolvemento rural.

Composición

O Observatorio do Sector Lácteo de Galicia está composto pola Presidencia, a Secretaría e vinte e unha vogalías.

A Presidencia
A Presidencia do Observatorio corresponde á persoa titular da consellería competente en materia agraria e desenvolvemento rural. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou doutra causa legal, as funcións da Presidencia serán exercidas polo membro do Observatorio en quen delegue.

A Secretaría
A Secretaría corresponde a unha persoa funcionaria da consellería competente en materia agraria e desenvolvemento rural, nomeada pola Presidencia. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, será substituída pola persoa funcionaria que designe a persoa titular da Presidencia.

As vogalías
As persoas vogais do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia e os seus suplentes serán nomeadas pola persoa titular da Presidencia, por proposta das seguintes entidades:
a) A consellería competente en materia agraria e desenvolvemento rural, que contará con tres vogalías.
b) As dúas organizacións profesionais agrarias con maior representatividade en Galicia con presenza no Consello Agrario Galego, que contarán cunha vogalía cada unha delas.
c) A asociación con maior representatividade no conxunto do sector primario galego e a asociación con maior representatividade no sector lácteo galego, que contarán cunha vogalía cada unha delas.
d) A Federación Nacional de Industrias Lácteas, que contará con tres vogais representantes da industria láctea con sede social en Galicia ou que dispoña dun establecemento permanente de transformación industrial situado na Comunidade. Nestas vogalías debe haber un equilibrio entre os tamaños das industrias e o tipo de produtos elaborados.
e) As tres asociacións do sector da distribución alimentaria con maior representatividade en Galicia, que contarán cunha vogalía cada unha delas.
f) O Consello Galego de Consumidores e Usuarios, que contará cunha vogalía.
g) O Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), que contará cunha vogalía.
h) As dúas cooperativas agrarias galegas que sexan primeiras compradoras de leite e teñan o maior número de persoas socias, que contarán cunha vogalía cada unha delas.
i) A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), que contará cunha vogalía.
j) A Federación Frisona Galega (Fefriga), que contará cunha vogalía.
k) Unha entidade representativa de mulleres rurais de Galicia, que contará cunha vogalía, de forma rotativa por un período de dous anos.
l) A organización de produtores lácteos de Galicia con maior representatividade, que contará cunha vogalía.

Funcionamento e apoio técnico

O Observatorio funcionará en pleno e en grupos de traballo.

A constitución do Pleno precisa como mínimo da presenza da metade dos membros, entre os que deben estar as persoas titulares da Presidencia e da Secretaría ou as persoas que as substitúan.

O Pleno é o órgano superior do Observatorio e correspóndelle o exercicio das funcións indicadas anteriormente e a elaboración dun regulamento de réxime interno. Reunirase anualmente en sesión ordinaria e as veces que sexa preciso con carácter extraordinario, sempre que a Presidencia o considere oportuno.

O Pleno pode crear grupos de traballo para analizar cuestións concretas relacionadas co sector lácteo. O acordo de constitución de cada grupo de traballo debe especificar a súa composición, as tarefas encomendadas e a data prevista de finalización dos traballos.

Os grupos de traballo poden estar formados por persoas con vogalías no Observatorio, persoas representantes de entidades e asociacións relacionadas co sector lácteo ou persoas expertas
no asunto obxecto do traballo.

Decreto

DECRETO 8/2025, do 20 de xaneiro, polo que se regula o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia.